Reserva ya tu estancia en Cabanas Sen Barreiras

Falamos con Fátima Rodriguez, directora de Promove Consultoría, unha empresa moi implicada nas áreas de turismo e accesibilidade e que traballa man a man xunto con Cabanas sen Barreiras nos eidos de accesibilidade para todos neste proxecto.
Fixémoslle unhas preguntiñas sobre que é a accesibilidade e como se reflicte en Cabanas sen Barreiras e estas son as súas respostas:
Poderías falarnos sobre que podemos entender por Turismo Accesible, ou Turismo para Todos?
“A Organización Mundial do Turismo (OMT) entende a calidade do turismo como “o resultado dun proceso que implica a satisfacción de todas as necesidades, esixencias e expectativas lexítimas dos consumidores respecto dos produtos e servizos, a un prezo aceptable, de conformidade coas condicións contractuais mutuamente aceptadas e cos factores subxacentes que determinan a calidade tales como a seguridade, a hixiene, a accesibilidade, a transparencia, a autenticidade e a harmonía dunha actividade turística preocupada pola súa contorna humana e natural”.
Tal é a importancia actual do turismo accesible, que a Secretaría de Estado de Turismo consciente da importancia do Turismo Accesible Turismo para Todos decidiu incluílo no Plan do Turismo Español Horizonte 2020.
O concepto de turismo accesible baséase, polo tanto, sobre o principio de que o turismo é un dereito social fundamental para todos e todas, a saber, o dereito da igualdade de oportunidades, á non discriminación e á integración social, xa que para as persoas con discapacidade, tanto como para todas as demais, as actividades comprendidas baixo as categorías de lecer e turismo son fundamentais para a calidade de vida.”
Fátima, de Promove
Como se aplican os principios de Turismo Accesible / Turismo para todos neste proxecto de Cabanas sen Barreiras?
“Do Artesanato mantén o seu compromiso e aposta pola calidade turística no desenvolvemento do proxecto das Cabanas sen Barreiras, conscientes de que a accesibilidade turística é hoxe en día un factor intrínseco á calidade turística, e xa non se pode concibir un turismo de calidade, cando este non está ao alcance de todos/as. O turismo de calidade debe ser accesible a todas as persoas e ninguén poderá quedar á marxe deste por ningunha razón ou circunstancia. É por este motivo polo que tanto no deseño como na rehabilitación dos aloxamentos, prevalecen os criterios técnicos que fan accesibles tanto os espazos dos aloxamentos coma o seu uso, contemplándose en todo momento o principio da Accesibilidade Universal.”
Como foi para Promove esta experiencia de traballo xunto con un referente en innovación turística como é Do Artesanato?
“As persoas que traballamos en Promove temos experiencia no desenvolvemento de proxectos nas áreas de Emprendemento, Turismo e Desenvolvemento Local. O equipo humano é o valor fundamental da empresa.
Promove, proxectos e persoas. Ese é o noso lema porque detrás de calquera iniciativa social ou empresarial existen persoas. Baixo o hashtag #promovendoactitudes, en Promove identificamos e establecemos alianzas con aquelas persoas coas que compartimos filosofía. O enfoque sostible, accesible e con perspectiva de xénero son os compromisos e actitudes que buscamos para establecer esas alianzas, e o equipo humano de Do Artesanato leva anos apostando e demostrando o compromiso por estes valores sociais e medioambientais.
Ademais, neste caso coincide que eu son de Muros, así que coñezo a experiencia empresarial de Do Artesanato dende hai moitos anos. Esta vinculación persoal co destino Muros-Noia permitiunos facer seguimento da evolución dunha experiencia que a día de hoxe é unha referencia do Emprendemento sostible, accesible e innovador no sector turístico galego.
En definitiva, para nós é un orgullo coñecer e colaborar cos proxectos que se veñen desenvolvendo nos últimos anos por parte de Do Artesanato.”
Queda moito por avanzar en Turismo Accesible, cales pensas que serán os futuros pasos que a sociedade e o tecido empresarial darán, ou deberían de dar nesta materia?
“O Turismo Accesible debe ser un compromiso de toda a sociedade, do tecido empresarial e das administracións públicas. As empresas teñen un compromiso coa accesibilidade, pero en moitos casos require dun investimento que, en períodos de crise, non sempre é fácil de asumir. Por iso é tan importante o apoio das administracións públicas para facilitar que as empresas podan acometer as obras necesarias para facer accesibles os establecementos a persoas con mobilidade reducida.
No caso de diversidade funcional sensorial (persoas cegas e xordas), as adaptacións para facer accesible a oferta turística depende, unha vez mais, das persoas que exercen de anfitrioas, así que o reto para os profesionais do turismo é a calidade humana tan necesaria para converter un servizo nunha experiencia turística.”
Estas eran as reflexións de Fátima Rodríguez sobre accesibilidad, moitas gracias por compartilas con nós.
Cabanas sen barreiras continúa co traballo desenvolvido por Do Artesanato nos últimos anos. Contará con seis aloxamentos singulares entre as árbores, ecolóxicos e respectuosos có medio ambiente e coa singularidade de estar perfectamente adaptados a colectivos con diferentes discapacidades.
Combina a oferta de actividades de turismo mariñeiro activo vinculadas co litoral, o río e a natureza cun complemento de aloxamentos singulares entre as árbores, ecolóxicos e respectuosos có medio ambiente.
Para levar adiante este proxecto contamos co apoio financeiro da Unión Europea , recibindo axuda do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e da Consellería do Mar.