Carlos Casares – Día das Letras Galegas 2017
Carlos Casares, tal como o define Albino Mallo, era considerado un narrador do cotiá, un narrador de historias do día a día, case sempre con nomes propios, e partindo de calquera anécdota.
Mañá, 17 de maio, o Día das Letras Galegas, está adicado a el, á súa vida, e á súa obra, que non foi pouca. O que se dera a coñecer con Vento ferido, foi tamén autor de obras como Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul ou O sol do verán. E mesmo de literatura infantil, entre a que salienta A galiña azul, do ano 1968.
Mais os seus méritos non rematan aquí. O ourensán, foi ademáis biógrafo, tradutor, interviu en política, gañou o Premio da Crítica de narrativa galega, foi membro da Real Academia Galega e mesmo diretor do Consello da Cultura Galega, entre outras moitas facetas.
Ten tanto peso a súa recoñecida obra coma o que outros persoeiros falaban del: que se era un intelectual preciso e rigorosamente racionalista; unha persoa afable e tolerante; escandalosamente intelixente; de carácter aberto e cordial; todas as lecturas sobre a súa persoa coinciden en dicir que se era boa a súa obra, non vos podedes imaxinar a súa conversa. Nas conversas con Casares xorden cuestións como a lingua, a política, a sociedade galega, e outros que tamén a nós nos gustaría ter falado con él: a ruralidade, a Galicia enxebre, as tradicións.
Nalgunha ocasión temos coincidido con el, tiñámolo coñecido, temos intercambiado algunha impresión, algunha verba sobre a nosa terra, aínda que quizáis, por non termos atopado máis veces, non chegou a xurdir unha amizade. Con todo, o que si lle profesamos é unha profunda admiración, ó igual que outros persoeiros, tanto á súa obra, coma á súa persoa.
Ó longo destas semanas, mesmo meses, atopamos espallados por toda a xeografía galega ducias de actos conmemorativos deste gran dinamizador cultural, identitario, europeista. Xornadas, roteiros, exposicións, concertos, romerías e charlas de taberna. Mesmo aquí, en Outes, contamos cun contacontos e unha actuación da escola de música tradicional. Aquí podedes ver o programa. Convidámosvos a todos a que vos acheguedes a este recuncho de Galicia para vivir o Día das Letras Galegas.